Monday 06 de May de 2024

Toma de contacto de escolares do Divino Maestro de Santiago co marisqueo na Pobra


Un total de 45 escolares da infantil do Divino Maestro de Santiago de Compostela participaron neste 20 de xuño nos obradoiros de marisqueo promovidos pola Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), coa colaboración da Asociación Mar da Pobra.

Tralo seu paso polo Auditorio do Museo Valle-Inclán para recibiren unha explicación da actividade por parte dunha das técnicas do Turismo do Concello, con proxección de vídeo incluída, achegáronse ata a praia dos Areos. Alí, foron as propias mariscadoras quen lles ofreceron unha charla didáctica para aprender a diferencia-los bivalvos, como se extraen e a importancia de preserva-la riqueza da nosa costa.

A Administración local puxo ao seu dispor distintos recursos como unha cadeira anfibia para uso por parte dunha das alumnas, rampla de acceso para este utensilio e receitario con elaboracións feitas en establecementos hostaleiros da localidade.

A finalidade destas visitas-experiencia dirixidas a centros educativos de toda Galicia radica en achegarlles ás xeracións máis novas o oficio das mariscadoras e fomenta-lo respecto polo mar, polo traballo neste eido e polo medio natural, ao tempo que se contribúe con esta acción á desestacionalización da demanda turística.